Terapia de bosque
Inicio > Terapia de bosque
Que é a Terapia de Bosque?
O Forest Therapy Hub define a Terapia de Bosque como unha intervención baseada na natureza que considera as necesidades específicas dos individuos e o entorno social e natural no que viven. A terapia de bosque ten como obxectivo promocionar e impactar de xeito positivo no estado de saúde mental dos participantes, ó tempo que, a través da conexión coa natureza, se traballan o benestar físico, as relacións interpersonais e maila cohesión social.
O FTHub está a facer unha excelente labor de formación de facilitadores de terapia de bosque. Eu rematei a formación no 2021, e agora toca sacar adiante proxectos que axuden a determinados colectivos. Inicialmente, centrareime en grupos que estean lidiando cos efectos do estrés, non só derivado do traballo.
Xa dende os anos 80 veñense probando os efectos positivos da exposición á natureza en xente con altos niveis de estrés. Como explicábamos na sección de “Que é Shinrin Yoku”, os estudos feitos comprobaron como o nivel de cortisol, a hormona do estrés, melloraba xa despois dunha primeira experiencia.
Os baños de bosque impactan positivamente na prevención de factores relacionados con este problema común na nosa sociedade. A terapia de bosque busca facer esta práctica durante varias sesións co mesmo grupo, creando unha intervención a medida que favoreza as necesidades comúns dos participantes afectados polo impacto do estrés mental, emocional e físico nas súas vidas. Dependendo das características do grupo, sempre que sexa posible, colaboraremos cos psicólogos e terapeutas do grupo.
A terapia de bosque so vale para o estrés?
Non, a terapia de bosque pódese aplicar a outros tipos de problemáticas. Estánse a facer intervencións con colectivos de víctimas da violencia de xénero, colectivos con problemas de saúde mental, depresión ou grupos con problemas de inclusión, entre outros. O FTHub, en colaboración con institucións de diversos eidos, están a levar cabo proxectos sobre a influencia das terapias vencelladas coa natureza e en pouco tempo veremos aínda máis resultados en diferentes ámbitos.
Por qué eu me centro na reparación do estrés?
Porque eu sufría de estrés tamén. Estaba traballando no estranxeiro, con sobrecarga, incertidume, cambios profesionais fortes, preocupacións e coa presión das expectativas impostas e propias. Dende hai uns anos, traballo nunha compañía multinacional líder no mercado de busca de talento e recrutamento para grandes empresas.
Non deixa de ser unha corporación, centrada no benestar dos empleados na medida do posible, pero cos seus obxectivos, presións e moito traballo. Tiven que aprender a harmonizar e recuperar enerxía para non estoupar coas demandas mínimas do meu traballo. Cando empecei a formarme en terapias alternativas e en terapia de bosque a miña vida mudou radicalmente e agora non concibo como era capaz de funcionar con eses niveis de sobrecarga. Hoxe en día deseño baños de bosque para o benestar do meu propio equipo.
Cal é o propósito dos Sentidos do Bosque?
Un dos propósitos fundamentais da actividade de Os Sentidos do Bosque é deseñar e implementar intervencións de terapia de bosque e conexión coa natureza, feitas á medida dos participantes e as súas necesidades. Se traballas en ou con colectivos e asociacións que sofran os efectos do estrés, e queredes reparar isto, contactade para facer unha proxección do que poderiamos facer xuntos. E un traballo que está pensado para facerse durante un mínimo de 6 ou 7 encontros na natureza para ver resultados máis claros.
Traballarei principalmente na zona de Compostela e as comarcas da contorna, pero estou aberta a proxectos en toda Galicia.
**Se queredes facer terapia de bosque para outros colectivos non afectados específicamente por problemas de estrés, poñédevos en contacto igualmente e vemos cómo vos podo axudar.
Tamén podo traballar con grupos desvencellados a asociacións ou colectivos específicos, pero que si teñan un perfil e necesidades semellantes. Se che gustaría ter sesións de terapia de bosque cun grupiño de amigos ou compañeiros, tamén podemos traballar xuntos.
Se sodes una empresa que quere ofrecer esta actividade de benestar e coidado da saude mental ós vosos traballadores non dubidedes en contactar.
Somos máis e máis os que queremos ter unha relación máis benevolente con nós mesmos e o noso entorno. E hora de coidarse conscientemente. Os Sentidos do Bosque está aquí para axudarvos no proceso