Shinrin Yoku e baños de bosque

Inicio > Shinrin Yoku e baños de bosque

Que é o Shirin-Yoku, ou Baño de Bosque?

A práctica do Shinrin-Yoku naceu en Xapón alá polos anos 80. Shinrin-Yoku, 森林浴, significa literalmente “baños de bosque”. Naceu da necesidade de mellorar o benestar e baixar os altos niveis de estrés da sociedade urbana xaponesa. Estudosos de Terapia de Bosque como o Dr. Qing Li e Yoshifumi Miyazaki foron os pioneiros dos proxectos que mediron o impacto positivo da natureza na saúde física e mental. Comprobaron, coas análises dos participantes nos proxectos, como a exposición á natureza rebaixaba os niveis de cortisol, regulaba o sistema nervioso, o ritmo cardiaco e a presión arterial ademáis de impactar na mellora do sistema inmune.

Co paso dos anos, outros investigadores a nivel internacional continuaron afondando no tema. A día de hoxe seguimos a descubrir os beneficios da conexión coa natureza, que nos axudan a promocionar o noso benestar e a previr o xurdimento doutros problemas.

Xapón, Corea do Sur, Estados Unidos ou Canada, xa prescriben os baños de bosque como receta verde ós seus pacientes como medida preventiva e restauradora.

Aparte do impacto no noso benestar físico e anímico, esta práctica de conexión coa natureza axúdanos a reconectar con nós mesmos e a crear un vínculo con eses espazos naturais. E normal que establezamos unha relación de coidado, de protección cos lugares onde practicamos estas experiencias e coa natureza en xeral.

Beneficios do Shinrin Yoku

Durante todos estes anos de investigación sabemos que a práctica de baños de bosque, entre outros beneficios:

  • Reduce os niveis de cortisol, a hormona do estrés.
  • Restaura o sistema nervioso parasimpático, evitando que o sistema nervioso simpático estea en alerta constante.
  • Axuda a equilibrar a nosa capacidade de acción e de relaxación.
  • Baixa o ritmo cardiaco xa nos primeiros 30 minutos da práctica.
  • Regula a presión arterial.
  • Reforza o sistema inmune, aumentando o número das células NK, os linfocitos que loitan contra as infeccións e o cancro. Aumenta o número de proteínas anticanceríxenas e mantéñense os efectos 30 días despois.
  • Reduce os niveis de azúcar en sangue e mellora o noso metabolismo.
  • Impacta positivamente no noso estado de ánimo e relaxa a nosa mente.
  • Regula os nosos ciclos do sono.

Canto tempo temos que pasar na natureza rodeados de bosque para acadar estes resultados?

Os últimos estudos da Universidade Exeter amosan que o tempo ideal sería de dúas horas á semana. Os primeiros 30 minutos marcan xa a diferencia, co que poderían ser píluras de natureza de media hora varias veces á semana, ou unha sesión dunhas 2 horas cada semana.

A maxia das árbores

Que maxia é esa de que as árbores teñan poderes curativos só estando entre elas?

Cando estamos no bosque, entre árbores, estamos a respirar as sustancias volátiles que elas emanan. Os monoterpenos, os fitoncidos son parte do seu sistema inmune, son esencias que segregan para protexerse de bacterias, fungos ou insectos. E un dos xeitos no que se comunican entre elas. Arbores coma os pinos, cedros, alciprestes ou abetos son especialmente prolíficos á hora de liberar estas sustancias.

Os experimentos feitos en laboratorio incubando fitoncidos de alciprestes hinoki xaponeses xunto ás células NK, mostraron un incremento sustancial nas células e proteínas anticanceríxenas. Tamén se probou o seu impacto positivo noutras áreas, coma o sistema inmune ou o nervioso.

Pero as propiedades beneficiosas non veñen exclusivamente das árbores. Tamén se ten probado como o microbios e as bacterias (Mycobacterium vaccae) que están na terra axudan a mellorar o noso estado durante un paseo pola natureza. Os que nos gusta o cheiro a terra mollada, témoslle que dalas grazas á bacteria streptomyces coelicolor que segrega a xeosmina, culpable do marabilloso perfume que queda despois dunha boa chuvieira.

Seguro que xa podedes imaxinar que, nunha sesión de baños de bosque, os sentidos, é en particular o sentido do olfato, xogan un papel fundamental. Vai a sección Que é un baño de bosque para saber máis.